|
![]() |
PROGRAMA | ORGANIZADORES | SEDE | INAUGURACIÓN | PONENCIAS | COMUNICACIÓNS | ACT. PARALELAS | FOTOS | BLOGS | |
![]() |
A FACULTADE DE CIENCIAS DA COMUNICACIÓN
A Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza está concebida como un edificio aberto, onde as persoas e a infraestrutura converxen nun espazo de traballo acolledor e dotado das últimas tecnoloxías audiovisuais e multimedia. Reflexo dos cambios producidos en todos os eidos da Comunicación, a Facultade conta con lugares dotados para a produción televisiva, radiofónica, cinematográfica, multimedia, en prensa escrita e en Internet que poden ser empregados de forma simultánea grazas á especialización e á interconexión de todos os departamentos, laboratorios e aulas do edificio. O centro de reunión da Facultade está ubicado no Audiotorio, con capacidade para 300 persoas e deseñado co espíritu integrador que caracteriza a todo o edificio. Conta con cabinas de tradución simultánea e cabinas de proxección audiovisual que lle permiten albergar todo tipo de eventos e espectáculos, desde congresos e conferencias ata obras cinematográficas. Inaugurada no ano 2000, a Facultade dá cabida nos nosos días a máis de 600 alumnos das Titulacións de Xornalismo e Comunicación Audiovisual e continúa renovándose cada ano para estar na avanzada dos proxectos de acceso ás novas tecnoloxías da información e da comunicación. “Compostela ten a regalía insine e perigosa de deixar ó home, ó home mozo, soio entremedio de podentes símbolos. Eles piden moito. Soio co quentor das almas se quentan as pedras. Nas vilas de tipo moderno e imitativo, o esprito afúndese na media emocional da xente, no seu senso do tempo. Dan feitas as horas. Espaventan as fondas inquedanzas. En Compostela compre moito vento de individualidade para non ficar atrás no bogar das torres e no coaderno de bitácora dos craustros, moita labra de seixo de vontade pra que o enxergar dos mil ollos de cinza das pedras non sexa esdenoso ou compasivo.” “As leuciós da pedra, a soutriña dos silencios, aconsellan a práctica dos filósofos, dos tráxicos. Pro non ha ser fiel a Compostela quen a pense soio amiga dos sistemas e composiciós de síntesis derradeiras. Non folleemos as horas e as pedras como un fermoso e tristeiro epílogo. O problema e a xustificación non supón a laboura de un simbólico pechamento como a Casa do Cabidoo soio maxinado choer os mil reflejos da praza da Pratería. Na mesma historia do gosto das Artes, enxergamos a realidade dunha Compostela enxamais rematada. Moitos mantos de interpretación pendurados do Obradoiro, do Santo Domingo, cairon como fanados telóns de teatro.” De “A Procesión das horas” (O Espello na Serán) R. Otero Pedrayo. De Nouturno Compostelán (O Espello na Serán) R. Otero Pedrayo “Mais dunha noite erguinme pra constatar non ser Compostela un sono tecido de leviás imaxes. Formábase en min a idea de ser a derradeira pantasma do Romanticísmo. Mais non quixen determe no análisis. Decorrían algareiras as horas. Era preciso adoitar o illado outaneiro sentir do eu e do mundo ás horas ledas, riseiras, amarguradas, onde o cheiro do pote e do mar vulgar se misturaban coas finas esencias lembradoras....” “Desvelamento de Santiago”. Revista Grial
|
||
CONGRESO FUNDACIONAL I+C INVESTIGAR A COMUNICACIÓN Facultade de CC. da Comunicación. USC. Avd. Castelao s/n 15782. Santiago de Compostela. T +34 981 563 100 Ext. 16556 (María Salgueiro e Xabier Ramos) E-mail: aeic2008santiago@aeic2008santiago.org |